Francisco Fernández Dávila gaña o premio Repsol de narrativa breve con «Groenlandia»

O escritor Francisco Fernández Dávila vén de proclamarse esta mañá como gañador do premio de narrativa breve Repsol. O autor levou o galardón co orixinal Groenlandia, definido polo xurado como «un mosaico literario de perfecto encaixe construído a través da intriga, de humor e unha pasarela de personaxes que, sen seren de ningures, sempre ficarán engaiolados nas illas Azores».


O premio está dotado con 12.000 euros e o libro gañador será publicado por Galaxia, unha das entidades impulsoras do certame xunto coa Fundación Repsol, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A presente edición foi a que máis propostas recibiu, un total de 47 novelas curtas, o que eleva a participación nas súas 17 convocatorias a máis de 500 obras orixinais en galego.


 
Fernández Dávila gañou no ano 2017 o premio de novela por entregas de La Voz con A senda de sal, que tamén apareceu como libro no catálogo de Galaxia. Dende entón acadou outros galardóns, como o Antón Avilés de Taramancos, o Victoriano Taibo e o premio de novela curta Antón Risco.